Saturday 27 de April de 2024

O Concello da Pobra e a Fundación RIA avalían a humanización da AC-305 ao seu paso polo municipio


O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, e a concelleira da Mobilidade, Rosana Pérez, mantiveron neste 27 de outubro unha reunión de traballo co director da Fundación RIA, Manuel Rodríguez, para avalia-la proposta de amplia-la humanización da AC-305 ao seu paso pola localidade.

A intención da Fundación RIA é darlle continuidade a este proxecto que se iniciaría no concello de Ribeira para facelo extensivo á Pobra do Caramiñal na senda dunha planificación territorial estratéxica.

Focalizándose no contexto específico pobrense, analizouse como afectaría esta actuación a circulación do tráfico rodado, pero tamén a mobilidade peonil coa ampliación das beirarrúas, ademais de como afectaría edificacións e infraestruturas a carón da referida estrada de titularidade autonómica, como, por exemplo, a propia casa consistorial.

Tanto o rexedor coma a edil indican que a análise da Fundación RIA coincide en gran medida coa efectuada polo goberno local no que se refire a necesidades por solucionar no curto ou no medio prazo no núcleo urbano.

Deste xeito, acordaron sinalar na axenda futuras xuntanzas para seguiren a afondar nesta cuestión e presentárenlla á totalidade da corporación municipal, para contar cun proxecto realista acorde coas características urbanísticas da Pobra e buscar formas de financiamento.